INSTRUCIÓNS

Este traballo é unha guía de lectura da obra Ás de bolboreta de Rosa Aneiros, un título que recibiu en 2009 o Premio Caixa Galicia de literatura xuvenil e que foi publicada por Edicións Xerais de Galicia nese mesmo ano.

Esta guía de lectura está concibida para o seu aproveitamento didáctico con alumnado que curse 2º ciclo da ESO e calquera dos dous cursos de BACHARELATO.

Ao longo da guía poderás atopar nela recursos e actividades relacionadas coa competencia/comprensión lectora que colaboran no proceso lector. Mais este traballo pretende ir máis aló e trascender a propia lectura para integrar tamén a aprendizaxe lingüística, a alfabetización tanto informacional coma dixital e a aprendizaxe dos comportamentos humanos en sociedade. Desde este punto de vista, o libro convértese nunha plataforma cara a outro tipo de contidos que por veces non son literarios nin sequera artísticos. Noutras ocasións, a obra literaria serve como ponte cara a outras artes nas que tamén se pretende o desenvolvemento do alumnado.

Para facilitar o seu uso, ofrécese aquí un mapa da guía:

(Clica na imaxe para agrandar)

A numeración correlativa das páxinas do blog no menú horizontal que aparece debaixo do título facilita o seguimento da guía para quen estea interesado en todos os apartados.  

Con todo, convén sinalar que esta guía de lectura NON ESTÁ DESEÑADA para que un mesmo grupo de persoas realice todas as actividades que contén.  

A correcta utilización da guía implica unha selección das actividades segundo os intereses específicos de cada nivel e grupo. 

Este material didáctico axústase ao contido do Decreto 133/2007, do 5 de xullo que ten por obxecto establecer a ordenación xeral e o currículo da educación secundaria obrigatoria e ao contido do Decreto 126/2008, do 19 de xuño, polo que se establece a ordenación e o currículo de bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia. 

Agradecementos a Rosa Aneiros pola axuda prestada para o apartado biobibliográfico.

Esta obra é propiedade de Edicións Xerais de Galicia.

Saúdos da autora. 

Pilar Ponte Patiño (A profa)