2.4. AS HISTORIAS

Ás de bolboreta organízase ao redor dunha serie de historias que conflúen no café Luzada.

Fotografía de DHJ.V en Flickr.

Agora irémonos achegando a cada unha destas historias.

126. Nas análises anteriores comprobamos que esta non é unha obra dun único protagonista, senón que se trata dunha "novela coral", investiga o significado da etiqueta "novela coral".

127. Dentro dese carácter coral do que falabamos, cres que hai algunha historia que adquira maior importancia que as demais ou todas serían igual de importantes? Argumenta a túa resposta.

128. O libro establece unha división entre personaxes boas e malas? Cres que hai personaxes con comportamentos "censurables"? Cales serían? Como son tratadas na novela?

129. Os diferentes capítulos do libro requiren dunha lectura lineal ou, pola contra, admiten unha lectura independente?

130. A que tipo de lectoras e lectores está dirixida esta novela, a lectores activos ou pasivos? Xustifica a túa resposta.

131. Poderiamos dicir que esta novela é un exemplo da teoría dos 6 graos de separación? Xustifica a túa resposta.