Patricia e Iqbal

Fotografía de Mzelle Biscotte en Flickr.

52. Que trazos caracterizan a personalidade de Patricia?

53. Que clase de nome é Iqbal? Investiga a súa orixe. Que trazos caracterizan a personalidade de Iqbal?

54. Iqbal é eslamiado, ten “epiderme de mel e mirada de Monzón” (páx. 35). Que aparencia terá unha “epiderme de mel”? E unha “mirada de Monzón”? Que deducimos destes dous datos?

55. Patricia ten envexa das cartas que Iqbal lle escribe á súa moza.

“Oxalá a ela alguén lle escribise longas cartas de amor todos os días ás oito da mañá, chova ou vente. Longas palabras que ela bebe cada noite por unha inconfesable copia de seguridade. É a cousa máis fea que fixo na vida e da que menos se arrepinte.” (p.11)

Todas as persoas nalgún momento fixemos “cousas feas” das que logo nos arrepentimos, ou non. Agora imos facer un xogo en grupo anónimo, cada persoa vai apuntar nun papeliño algo feo que fixese nalgunha ocasión e se se arrepentiu ou non. Unha vez feito isto, a persoa que coordine o grupo ira lendo o feito realizado e os demais deberán decidir se o consideran algo realmente grave e se cren que a persoa se arrepentiu ou non. Ao final a persoa coordinadora lerá se a persoa que o escribiu se arrepentiu ou non.

56. Patricia acorda coa señora Lola “non meter nin homes, nin cans, nin bechos e pasarlle tres mil euros ao mes polo traspaso de local e mais a casa” (páx. 19). Paréceche razoable o prezo? E o resto de condicións, tamén che parecen razoables? Debatede en grupo as diferentes opinións que haxa ao respecto.

57. Nun determinado momento da novela, Patricia derrúbase (p. 36). Cal é a motivación directa do derrubamento da camareira? Pero cales son as verdadeiras causas do seu choro desconsolado?

58. Cal é a traxedia de Iqbal? Ten el algunha responsabilidade nos seus propios problemas? Xustifica a túa resposta.

59. Ao final da novela, en que cidade están Patricia e Iqbal? Que monumento están vendo?