Mostrando postagens com marcador Rosa Aneiros. Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador Rosa Aneiros. Mostrar todas as postagens

INICIO



"O bater das ás dunha bolboreta pódese sentir no outro lado do mundo."

Paco

Fotografía de martis75 en Flickr.

101. Se tiveses que describir fisicamente a Paco, como o describirías?
Que trazos caracterizan a personalidade de Paco?

102. Que enfermidade ten Paco? Cres que esta doenza ten relación coa súa situación laboral?

103. Por que cres que Patricia "sente certa debilidade por Paco"?

104. Paco di:
"Máis sabe o raposo por vello que por raposo. As cousas hai que facelas antes de que sexa tarde..." (p. 71)
Que significa esta frase feita? Por que a di Paco, a que se refire no seu caso?

Milhomes

Fotografía de Ben Fredericson en Flickr.

95. Se tiveses que describir fisicamente a Milhomes, como o describirías?
Que trazos caracterizan a personalidade de Milhomes?
Con que outras personaxes do libro está relacionado?

96. En Milhomes temos outro exemplo de intertextualidade dentro da literatura galega.
Quen recibiu este nome por primeira vez?
En que obra aparecía esa personaxe?
De que autor?
Que caracterizaba esa personaxe?
Por que cres que Rosa Aneiros escolleu este nome para o taxista?

97. Milhomes e Paco atacan a Mohamed por como os musulmáns tratan as mulleres.
Quen comeza a discusión?
Que argumentos achegan Milhomes e Paco?
En que lado da conversa está a postura civilizada?
Onde reside a ironía na conversa?

98. Milhomes é un maltratador, en que consiste o seu maltrato?

99. Na novela hai máis exemplos de maltrato. Cales son?



100. Podedes ver o filme Te doy mis ojos (2003) da directora Icíar Bollaín como un exemplo de como se produce a evolución ata o maltrato dentro dunha relación de parella.

Aysel e Daray

76. Na parella formada por Aysel e Darai quen é a personaxe importante? Por que?

77. Sinalade no voso mapa dos lugares da novela a aldea de Sharanish. Se non atopades a súa localización, quizais vos axuden estes números 37.23825/42.85143.

78. Aysel – cóntalle a historia de Layla e Quays – ao seu mozo Darai.
“Así lle contou Aysel ao seu mozo Darai unha noite escura en que o exército turco bombardeaba a aldea kurda de Sharanish, a dez quilómetros da fronteira entre Turquía e o Iraq. Os mísiles incendiaron o ceo primeiro e os campos de cebada despois.” (p. 65)
Por que o exército turco bombardea unha alde kurda?


Por que Darai ten que pelexar pola independencia do seu pobo? (p. 66)

79. "What’ll you do when you get lonely
And nobody’s waiting by your side?
You've been running and hiding much too long.
You know it's just your foolish pride.
Layla, you've got me on my knees.
Layla, I’m begging, darling please.
Layla, darling won't you ease my worried mind.
Aysel murmuraba os acordes da canción de Eric Clapton.” (p.65)
Aquí tes un vídeo de Eric Clapton interpretando Layla:


Traduce ao galego a canción do autor inglés.
De que fala esta canción? Ten relación coa historia de Aysel?

3.4. TEST DE MEMORIA LECTORA

A muller-túnica

Fotografía de Celine Nadeau en Flickr.

112. "Unha muller abre a porta con moito coidado, como se lle fose romper. Ten o pelo recollido cun pano de flores miúdas que lle cobre a cabeza e mais o pescozo. O resto do corpo lévao envolto nunha túnica dunha cor indescritible. Podería ser encarnada pero achégase máis a malva. Garda as mans nos petos para agochar as bochas e as unllas ennegrecidas por demasiadas horas recollendo bolsas e lixo no campo da feira. A muller-túnica bota unha ollada rápida ao seu redor como se fose un raposo que entra nun galiñeiro. Temoroso e co desexo de bulir coa súa encomenda. Fítaos un por un buscando unha resposta que non lle chega. Como todos os días, tres veces na mañá:
- Señora. Min. Señora. Teléfono? Chamar? Min? Teléfono?” (pp. 41-42)

Esta descrición é máis física ou psicolóxica?

113. Que deducimos da personalidade desta muller a través da descrición?

114. Que cres que pode significar que esta personaxe en vez de ser denominada polo seu nome, se refira o narrador a ela como "muller-túnica"?

115. Chegamos a coñecer a traxedia da súa historia? A través de quen?

116. A través das palabras de Mohamed, sabemos de diferentes prácticas islámicas respecto á roupa das mulleres:
"En Damasco hai algunhas -poucas- mulleres moi modernas que visten ao estilo occidental. Pero as máis visten o noso hijab, o pano que cobre a cabeza e pescozo e levan roupas amplas ata os pés. Outras, empregan a túnica e, xa as máis devotas e relixiosas, o burka que só deixa ver os ollos." (p. 136)

Unha rapaza con hijab. Fotografía de Ai@ce en Flickr.

En España, en 2010, reábrese unha polémica que xa tiña precedentes, cando a Najwa Malha, unha alumna de 16 anos dun instituto de Pozuelo de Alarcón (Madrid) lle prohiben a asistencia ás aulas co hijab posto.
Este é só un exemplo dunha polémica que tamén se produce noutros países europeos.

Imaxe de Wikimedia Commons.

Investigade sobre este tema, e realizade unha reportaxe o máis plural posible. Sería interesante que puidésedes contar coa opinión dalgunha rapaza musulmá que manifestase a súa opinión de primeira man.
Unha vez feita, publicade a vosa reportaxe na rede para que todo o mundo se poida beneficiar do voso traballo.

Os alpinistas do monte Gurugú

117.
"A túa voz do outro lado do teléfono [...] Era unha voz que viña da Europa rica e farturenta para nos liberar, a min e a Rashid do inferno de Agadez. E, como o canto da serea, xuramos que atravesariamos o mundo con tal de alcanzar a túa voz." (pp. 96-97)
De quen é esa voz da que fala o alpinista?
Por que compara esa voz cun canto de serea?
Por que fala de Agadez como dun inferno?

118. O alpinista realiza unha descrición polo miúdo dos elementos da fronteira.

"Tiña toda a miña fe depositada naquel valado, naqueles espiños, naqueles dous metros de sensores térmicos, arames, alarmas e gardas civís da fronteira de Marrocos con Melilla. Levaba meses, anos, soñando con ese último muro." (p. 95)
Que consegue a autora con esta enumeración detallada de todos os elementos?

119. Coñecemos o nome dos dous alpinistas? Por que? Que consegue a autora dese xeito?

120. Por que cres que a autora decide chamar "alpinistas" a estes dous africanos?
Quizais a clave da interpretación estea nestas palabras do texto:
"Porque os escaladores non vencen cando soben á cima, vencen cando regresan sans e salvos ao campamento base." (p. 153)
Como relacionas estas palabras coa historia?

121. Por que protagonista non chama por teléfono? Coa súa actitude consegue o que pretende? Cres que fai algo mal ou que realmente fai o que debe? Por que?

122. Como cres que os africanos nos ven a nós, os europeos?
"O mundo é un mundo de excesos, uns teñen moito e outros non teñen nada. Coma nós." (p. 93)

123. En BBC Mundo podes ver unha reportaxe sobre as barreiras de Ceuta e Melilla e outros muros en todo o mundo.
Son todos os casos semellantes?
Consideras xustificada a existencia destes muros?

124. Observa a seguinte curtametraxe de Alfonso Ungría.


Que che suxiren todas esas imaxes?
É así como imaxinabas os alpinistas do monte Gurugú da novela?

125. Para vos achegar máis á realidade de Rashid e o seu irmán, podedes ver o filme 14 Kilómetros (2007) do director Gerardo Olivares.

Sinopse: 14 km é a distancia que separa África de Europa pero tamén é a barreira que afasta os soños de millóns de africanos que ven en Occidente a súa única saída para escapar da fame e da miseria. Da man de tres mozos africanos -Violeta, Buba e Mukela- percorremos unha longa e perigosa viaxe a través do Sáhara para coñecer o que nunca amosan os medios de comunicación. Esta é a historia dunha longa viaxe que comeza moito antes de ser noticia.

Fotografía de Hamed Saber en Flickr.

Despois de vela podedes realizar un parladoiro cinematográfico no que respondades a cuestións como as seguintes:
- Se o filme ofrece un retrato realista da situación.
- Se os protagonistas son libres ou están condicionados polas súas circunstancias económicas.
- Se os europeos e europeas temos algunha responsabilidade neste asunto.

Os números da nosa vida



45. “O 061 viña de camiño”, que é o 061?

Este número ten un significado concreto na sociedade galega, ou, se na maior parte do planeta dicimos 007 todos sabemos que nos estamos a referir a un detective determinado, James Bond.

Hai números que por unhas cousas ou por outras teñen un significado especial no noso ámbito cultural, elaborade unha exposición sobre estes números que podedes titular "Os números da nosa vida", na que incluades representacións gráficas e explicacións sobre o seu significado. Podedes preparala para o 12 de maio, Día Escolar das Matemáticas.

Como se fósemos cans

 Fotografía de Carlos Adampol en Flickr.

48. A Sra. Lola utiliza “como se fósemos cans”, a expresión “tratar como un can a alguén” significa tratar unha persoa con dureza, severidade ou desprezo. Na lingua hai moitas expresións que teñen que ver cos cans.

-       A can fraco todo se lle volven pulgas.
-       Aburrirse coma un can.
-       Can ladrador nunca foi trabador.
-       Can que vai a moitas vodas non pode comer en todas.
-       Estar sen un can.
-       Levarse coma o can e o gato.
-       Liscar/Marchar corrido coma un can.
-       Meu can pillou unha mosca.
-       Morrer coma un can.
-       Morto o can, desaparece a rabia.
-       Non importarlle un can.
-       Non soltar can.
-       Non valer un can.
-       Outro can na merenda.
-       Pasa, can!

Investigade o significado destes exemplos e logo inventade e representade situacións reais da lingua nas que se poderían utilizar.

Podedes tamén gravar as vosas representacións nun vídeo e logo compartilo co resto do mundo na internet a través da web do centro, dun blog ou simplemente nalgunha páxina de aloxamento de balde de vídeos como Vimeo, YouTube, etc.

Lola e Eusebio

Fotografía de man pikin en Flickr.

43. Que trazos caracterizan a personalidade de Lola? E a de Eusebio?

44. “Eusebio mexara e cagara por el”, e Patricia, para lle quitar importancia ao asunto dixéralle: “Veña, don Eusebio, a isto chámanlle cagar de medo”.
Na lingua temos moitas expresións e frases feitas relacionadas co corpo e as súas accións coma esta. Recompilade unha listaxe delas, investigade o seu significado e agrupádeas por accións ou por partes do corpo, montade unha presentación e facédea pública.


45. Os números da nosa vida 


46. Cando Eusebio cae da bañeira e o leva a ambulancia, no bar todo segue igual, isto provoca a seguinte reflexión do narrador:
“A fin de contas, todos os dramas suceden nunha proximidade distante. E é esa proximidade distante a que nos fai ignorar ás toas o que acontece do outro lado da parede.” (p. 34)
Recolle por escrito as reflexións que che suxiran estas palabras e enumera unha listaxe de posibles dramas que te rodeen nunha “proximidade distante”. Despois compartide as reflexións individuais no grupo. 

47. Eusebio queda en cadeira de rodas a Sra. Lola pídelle axuda a Patricia porque ela soa non pode atender ao seu home:
“- Si, que facemos? Eu soa con Eusebio non podo...
- Ben sei que non pode. Terá que pedir axuda á asistente social ou contratar alguén.
- Algún descoñecido! Meter alguén na casa! Vállame Deus, como se fósemos cans!” (p. 20)
Paréceche razoable a actitude da Sra. Lola?
Por que cres que a xente maior é tan reticente a meter alguén na súa casa? Cando sexas vella ou vello cres que terás a mesma actitude que a Sra. Lola? Por que?


49. O narrador/Patricia na descrición que se fai do piso de Lola e Eusebio realiza a seguinte reflexión sobre a vellez:
"Xa se sabe, cando alguén pasa a se alimentar unicamente do po turbio da louza do salón no canto de nos estantes do supermercado, os pulmóns atéiganse de melancolía e o estómago de furados." (pp. 13-14)
Que tipo de atmosfera suxiren estas palabras?

50. Que che parece a reacción da Sra. Lola ao saber o nome de Iqbal? Consideras que ten unha actitude xenófoba? Xustifica as túas respostas.

51. Gustaríache ser como Eusebio e Lola cando foses vello ou vella? Por que?

Ana e o domador do medo (Roberto)

105. Fíxate na descrición que a voz narradora realiza da voz de Ana, a teleoperadora.

"Roberto [...] turraba con intensidade bisemanal na teima de escoitar a voz de Ana [...] tan só polo pracer de oír a súa voz de veludo vermello cerimonia e tacto de herba fresca de onda o río. Solemne e orgullosa como un fío de auga que escorrega lentamente polos sucos de po dunha fiestra entreaberta." (p. 80)

Trátase dunha descrición obxectiva ou subxectiva? Xustifica a túa resposta.
En que figura estilística do compoñente semántico se basea esta descrición?

106. Roberto pregúntalle a Ana se foi ao concerto de Fito & Fitipaldis e cantarúxalle esta canción:


Que teñen en común Roberto e o "soldadito marinero"? 

107. Que provoca o terror en Ana na páxina 86? Podemos imaxinar algo no seu pasado?

108. Fíxate nas palabras de Roberto:
 
"- Roberto! O domador de feras! Non hai medo! Con este látego espantamos todos os bechos con gadoupas! Tente aí, cabrón. Queda aí, quieto, atrás dos barrotes da gaiola. Aí, a gaiola, na cociña. Non podes pasar de aquí, hai unha reixa, non podes pasar. Non ves que hai unha reixa, papá? Mamá, non teñas medo que de aí non pode pasar... Hoxe non che ha facer mal. Hoxe non, para iso estou eu aquí Roberto, o domador de feras!" (p. 87)

Que se adiviña no seu pasado?

109. Que teñen en común Ana e Roberto?

110. A historia de Ana e Roberto remata ben ou mal? Por que? 

111. Ao final, quen vén sendo Ana?

Máis alá da historia, outras historias


(Esta é unha presentación Vuvox, unha aplicación que permite compartir contidos multimedia (vídeos, fotos e música). Recomendámosche deixala cargar completamente andes de comezar a moverte por ela. Podes clicar no play e ver como ela soa se despraza, mais tamén podes marcar ti o ritmo de desprazamento movéndote por riba co rato polos extremos dereito e esquerdo da ventá da aplicación ou clicando co rato e arrastrando.)

68. Neste caso, o que che presentamos é unha proposta de recreación da historia de Manuel e o seu avó.

Tentamos facer propostas visuais partindo de elementos do texto e aproveitamos a presentación para incluír 15 materiais asociados xeradores de actividades relacionadas coa historia e os temas que nela se tocan.

Ao ir vendo a presentación, cada pouco aparece un globo semellando aos do cómic cun signo +, se clicas no globo levarate a un novo contido relacionado coa imaxe, anímate e explora.

Se non tes tempo, ofrecémosche unha listaxe dos materiais relacionados e a imaxe na que aparecen para que poidas ir directamente ao contido que consideres máis conveniente.

Contidos asociados:
1. Manuel tomaba un Colacao, pois o cadro do ColaCao levarate a un vídeo para que relaciones a canción publicitaria e o feito de Manuel ser negro e vir tamén de África.
2. Manuel foi adoptado pero outros nenos e nenas africanos non tiveron a mesma sorte e remataron en bandas dedicadas ao tráfico ilegal de nenos, no primeiro mapa de África atoparás un documento sobre este tema.
3. No segundo mapa de África ofrecémosche un documento sobre as adopcións e cal debe ser o interese prioritario nun proceso de adopción.
4. A través do mapa da OMS da fame en África chegarás á web da FAO sobre a repartición da fame no mundo.
5. O cadro da horta levarate a unha recreación en vídeo do fragmento máis coñecido de Memorias dun neno labrego de Xosé Neira Vilas.
6. Clicar na cara de Shrek no reprodutor de dvd permitirá que vexas a mesma canción do final deste filme que vía Manuel xusto cando chegaba á casa do avó.
7. Na vista aérea podes clicar no mar para chegar a unha montaxe en vídeo con fotografías do porto da Coruña na partida dun transatlántico cara á emigración.
8. O barquiño de cores servirá para que vexas unha curtametraxe de Manuel Castelo baseada na Cousa homónima de Castelao O pai de Migueliño, un dos textos literarios  máis representativos da traxedia da inmigración desde o punto de vista dos que non marcharon.
9. A face da Catwoman na que Manuel tenta ver a súa nai ofrécenos a historia da famosa personaxe da muller gato.
10. O Spiderman co que Manuel identifica o home que tramitou o proceso de doazón de órganos enlaza coa Bedeteca de Banda Deseñada do Consello da Cultura Galega onde poderás atopar cómics galegos.
11. No conxunto de órganos doados, co corazón enlazamos coa páxina de doazóns e transplantes do SERGAS para nos informar da enorme importancia de nos facer doadoras e doadores.
12. O avó de Manuel tivo que abandonar a aldea coma outros moitos pero non todo está perdido e hai badaladas de esperanza para o rural con novas iniciativas como as Ecoaldeas do texto.
13. E Manuel consegue o velo xogando á escoba co avó, porque seu avó non sabe de xogos modernos, por iso esta carta nos leva á páxina Xogos Populares, onde poderás atopar información sobre divertimentos que aínda non se perderon.
14. Manuel está afeito á Nintendo, á Wii e outro tipo de diversións como as que podes atopar na páxina dos Megaxogos.
15. O pai de Manuel está sempre a traballar, un síntoma dos novos tempos, pero o traballo no mundo non foi sempre así. Nestes dous vídeos poderás ver a evolución do mundo do traballo en Galicia.

A cafetaría do meu instituto



139. Esta actividade consta de varias fases:

1ª Fase
Marcade un día lectivo para a realización da seguinte actividade de observación. Ese día chegaredes ao instituto cinco minutos antes de que abra a cafetaría e tomaredes nota do que vexades, faredes o mesmo en cada un dos dous recreos.

2ª Fase
Na  aula contrastaredes os datos da vosa observación e probablemente comprobaredes que difiren porque entrou en xogo a subxectividade.

3ª Fase
De xeito individual, xa na vosa casa, inventaredes un texto realista partindo dos datos da vosa observación.


Fotografía de sergis blog en Flickr.

4ª Fase
Cada persoa lerá na aula en alto o seu texto.

5ª Fase
Entre todo o alumnado escolleranse os tres mellores textos, para realizar a escolla non poderedes dar argumentos do tipo “gústame” ou “non me gusta”, deberán ser argumentos que teñan en conta as características específicas do texto literario.

6ª Fase
Darédeslles a mellor difusión posible aos textos gañadores a través de webs, blogs, redes sociais, etc. para que outras persoas tamén poidan gozar deles.

Resumo / Temas e valores



Fotografía de jl.cernadas en Flickr.

RESUMO

Un café da cidade é o lugar polo que van transitar ao longo da mañá toda clase de persoas con diferentes intereses e situacións persoais. Cadaquén coa súa propia historia vai colaborando no deseño dunha colaxe que remata por nos dar unha visión global da sociedade actual no mundo. 


"O escenario principal é unha cafetería de Santiago de Compostela, o Luzada, rexentado por Patricia, unha muller que se fixo cargo do local nun momento en que vía inviábel proseguir coa súa formación académica. No Luzada conflúen unha morea de personaxes cuxas vidas iremos descubrindo ou máis ben intuíndo a través de estampas impresionistas e conversas collidas ao voo que revelan verdades entre liñas. Coñeceremos así a Eusebio e Lola, os anteriores donos do bar, que loitan en soidade contra as dificultades que se derivan da vellez e da perda progresiva de saúde e mobilidade. A Iqbal, un mozo inglés de orixe paquistaní que marchou de Londres tras os atentados no metro en xullo de 2005 e que bota horas e horas no Luzada conectado a Internet, no mesmo ordenador que Mohamed mira de cando en cando con medo de que as palabras se convertan en ferramentas de transmisión do odio. Saberemos da señora Filomena, cuxo fillo está en misión humanitaria co exército en Darfur e que sofre ao ver nos xornais os froitos da violencia e da guerra. De Manuel, un neno africano que non superou a morte da súa nai adoptiva e que ten no seu avó a súa principal compañía. Tamén dunha muller que agarda por unha chamada que non chega, a dos sobriños que intentan entrar en España cruzando o valado da vergoña que separa mundos en Melilla, ou de Aysel, vítima do amor e da indiferenza que Occidente amosa ante a represión do pobo kurdo polo goberno turco."


TEMAS E VALORES

Dado o seu carácter coral, serían moitos os temas e valores presentes na novela, de entre todos eles podemos salientar os seguintes:

A incomunicación: tema fío que atravesa todas as historias do libro e que se amosa en diversas variantes que na maioría dos casos derivan nun sentimento fondo de soidade.
A vellez: o desarraigo das persoas anciás que teñen que abandonar o seu medio na aldea para ir vivir á cidade
A globalización: a maneira en que uns feitos que poden resultar distantes no espazo poden influír de xeito decisivo nas nosas vidas.

A violencia de xénero: a visión dos maltratados e a dos maltratadores, o problema considerado desde diversas ópticas e fuxindo dunha visión maniquea e simplista.
A integración: a forma en que diferentes persoas estranxeiras se adaptan á nosa realidade, a mestura de civilizacións que podemos atopar ao noso redor.
A paz: desde diferentes perspectivas a través de diversos conflitos que teñen lugar ao redor do mundo.
A solidariedade: tanto co distante como co veciño máis próximo.
A morte: como feito cotián co que debemos convivir.

Ficha técnica / Traxectoria da obra



FICHA TÉCNICA

Título: Ás de bolboreta
Autora: Rosa Aneiros
Editorial: Edicións Xerais de Galicia
Colección: Fóra de Xogo
Nº de páxinas: 225
ISBN: 978-84-9914-028-5
PREMIO FUNDACIÓN CAIXA GALICIA DE LITERATURA XUVENIL 2009


23. Que é o ISBN? Para que serve?

TRAXECTORIA DA OBRA


Esta novela recibiu en 2009 o IV Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil por unanimidade do xurado.

  
En xaneiro de 2010 recibiu o premio Fervenzas Literarias 2009 como mellor libro xuvenil do ano da súa publicación.

Foi seleccionada para formar parte da prestixiosa exposición The White Ravens 2010 que a Internationale Jugendbibliothek organiza anualmente no marco da Fiera del Libro per Ragazzi de Boloña. A exposición contén 250 libros infantís e xuvenís en máis de trinta idiomas e vai acompañada dun catálogo en inglés coas informacións bibliográficas e recensións de todos os títulos.

Foi finalista dos premios da AELG á mellor obra de literatura xuvenil do ano 2009.


24. Busca información sobre o premio Fundación Caixa Galicia de literatura xuvenil e atopa cales foron as obras gañadoras nas tres edicións anteriores.

25. Que ten de especial a Fiera del Libro per Ragazzi de Boloña? Cal é a súa denominación en inglés?

26. Que é a AELG? 

A autora na rede




INFORMACIÓN SOBRE A AUTORA NA REDE:


Entrevista no Diario Cultura da Radio Galega (08/06/2009) (audio)
Entrevista en Galicia-Hoxe.com
Entrevista en Vieiros (09/06/2009)


OBRA DA AUTORA NA REDE:


Eva en coiros (relato)
No dioivo (artigo)
Zenabou (artigo)
Voyage, voyage (artigo publicado en InfoXove, setembro 2006/nº 5)

- Outros documentos na ficha da autora no centro de documentación da AELG.


VÍDEOS:

A emoción da escrita (2009)
Pero...Dinis onde vive agora? Conferencia pronunciada nas Xornadas dos Clubs de Lectura 2009.
Rosa Aneiros fala do Curros xornalista (2008) (no vídeo inclúese o audio dunha recitación de Manuel María) (Tamén en Vodpod e FilesTube)
Rosa Aneiros recolle o Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil 2009